Historia das feiras do automóbil de Pontecesures
No ano 1925, un grupo de amigos –veciños de Pontecesures– comezaron a pensar na idea de realizar unha feira do automóbil. Esta idea xurdiu ao decatarse que nas feiras cabalares que se celebraban na zona, no medio dos cabalos había algún veículo á venda, polo tanto, se hai feiras de cabalos –que eran o medio de transporte da época– por que non podía haber feiras de automóbeis que xa comezaban a verse nas nosas rúas.
Con este pensamento, o sr. Eugenio Escuredo e o sr. Salvador Sierra, desprázanse ate a cidade alemá de Leipzig, onde se celebraba unha feira destes cacharros chamados automóbeis. Á súa volta de Alemaña contan aos seus amigos todo o visto e póñense a traballar. O día 27 de xuño de 1925 inaugúrase a Feira do Automóbil de Ocasión na que se presenta o primeiro automóbil que circulou por Galicia.
Durante tres días a Feira é visitada por máis de 10.000 persoas. Están expostos un total de 598 veículos e o seu valor supera os 5 millóns da época.
O éxito é total e ten unha grande repercusión nos medios de comunicación. Esta Feira está recoñecida como a primeira das súas características celebrada en España. Con ela colaboraron artistas da talla de Carlos Maside, Castelao, Oria Moreno, Granell, etc.
A día de hoxe, moitas rúas de Pontecesures levan os nomes daqueles que fixeron posible as feiras do automóbil de ocasión. Este é o noso pequeno homenaxe para todos eles, amantes dos veículos e do seu pobo: Eugenio Escuredo, Salvador Sierra, Víctor García, Ramón Piñeiro, José Novo, Jesús Cabeza, José Sierra, Baldomero Carlés, Luis Diéguez, Ramón Diéguez, Luciano García, Carlos Morales e Feliciano Touceda.
(Datos recollidos do libro "Historia das Feiras do Automóbil de Ocasión" do autor: D. Xosé Piñeiro Ares. Editado en 1989). |