Fegaclasic acada un éxito completo de expositores e asistencia de público
Con máis de 300 expositores, a IIIª edición de Fegaclasic acadou este ano un éxito moi superior ás espectativas da asociaición cultural Mirándolle os Dentes, organizadora da feira.
O evento inaugurouse o sábado 16 coa participación de Angel Jove González, vicepresidente da Federación Española de Vehículos Antiguos (F.E.V.A.), Marcos Vázquez Marey, Manuel e Javier Pazó Olmedo.
A partir das 18.30 h. desenvolvéronse as diferentes actividades previstas: conferencias, mesas redondas e entregas de diplomas ás persoas e entidades que, grazas a súa especial colaboración, fixeron posible o éxito que obtivo a feira.
O tempo non acompañou ate a tarde do domingo pero a asistencia de público foi constante durante os dous días que Fegaclasic mantivo abertas as súas portas. O domingo pola tarde, coas saída do sol e unha temperatura primaveral, a asistencia de público foi espectacular, chegando a producirse aglomeracións nas zonas dalgúns expositores e nos pasillos do recorrido interior da carpa.
Na edición deste ano, ampliada coa exposición de maquinaria agrícola que aglutinou un grande número de persoas –entre curiosas e interesadas– destacaron a mostra de veículos de bombeiros e, entre eles, unha bomba de 1812, cedida para a feira polo concello de Pontevedra; un veículo de primeiros do século XX do concello da Coruña –do que quedan moi poucas unidades en Europa– e outros algo máis recentes, cedidos por diferentes concellos galegos.
Á feira asistiron como expositores, particulares e empresas especializadas de toda Galicia, España e Portugal.
Os e as visitantes de Fegaclasic, atoparon todo tipo de recursos relacionados co mundo do veículo clásico e antigo: coches, motos, bicicletas, maquinaria, bibliografía, repostos, adhesivos, camisetas, etc. Todo un mundo de posibilidades á disposición de afeccionados e público en xeral. |