Éxito sen precedentes na V edición de Fegaclasic
Os días 2 e 3 de abril celebrouse en Pontecesures (Pontevedra), a Vª edición da Feira Galega do Automóbil Clásico (FEGACLASIC). Durante os dous días nos que a Feira se extendeu polas instalacións do peirao de Pontecesures, centos de persoas chegadas de todos os recunchos de Galicia, de España e de Portugal, gozaron dun programa que sorprendeu e emocionou a partes iguais. O sábado día 2 os diferentes postos de venda ou exposición, despregaron os seus produtos polos espazos que a organización lles habilitou baixo a protección das carpas ou ao aire libre. Coches clásicos e antigos, motocicletas, maquinaria agrícola, autobuses, camións de bombeiros, repostos de todo tipo e de todas as marcas, detalles de estilo, artesanía con modelos de época, pezas singulares, etc.
A Feira abriu as súas portas ás 11,00 h e a partir dese momento convertíuse nun fervedeiro de persoas que ían e viñan. Comprando, intercambiando información ou simplemente curioseando, os postos de venda estiveron toda a xornada cunha actividade frenética e cremos que se pode afirmar que tamén para eles, FEGACLASIC 2011 foi todo un éxito. A xornada do sábado completouse coa exhibición espectacular das motos de trial indoor, subindo por pendentes imposibles, dando saltos vertixinosos e facendo todo tipo de acrobacias.
Na xornada do domingo FEGACLASIC superouse con creces e, se durante a véspera os postos estiveron a tope de visitantes, durante o domingo desbordáronse as expectativas máis optimistas da organización. Acompañados por un fermoso día de primavera, todos os actos previstos: exposicións, concursos, exhibicións, etc. rebousaron de participantes. A mañán abriuse coa presenza nas rúas centrais de Pontecesures de decenas de coches antigos perfectamente restaurados.
A continuación celebráronse os concursos de vehículo máis antigo, o concurso de elegancia e o de vestimenta de época. Todos eles dotados con interesantes premios económicos e trofeos.
O acto máis emotivo de todos os que se celebran durante a Feira, é sen dúbida o da ofrenda floral diante do monumento ás feiras de coches de ocasión. Estas feiras celebraronse na nosa vila nos anos 20 e 50 do pasado século e son as precursoras da actual FEGACLASIC. Durante este acto é tradicional que se lle faga unha homenaxe ou un recoñecemento a persoas, empresas ou institucións, que se distinguen por unha colaboración destacada coa organización da Feira. Nesta ocasión foi a empresa Grúas Estación a que recibiu unha placa conmemorativa e os socios propietarios, cadansúa figura de Castelao (un deseño da Cerámica Celta de Pontecesures).
A xornada de tarde voltou a encher de persoas as instalacións de FEGACLASIC. A partir das 18.00 h a exhibición de IIª Xincana de Moto Clásica congregou a unha grande cantidade de público para gozar das habilidades dos moteiros. As mostras ao aire libre de maquinaria agrícola, autobuses, coches de bombeiros e todo tipo de vehículos clásicos, foron visitadas de novo por riadas de persoas. Os postos de venda estiveron abarrotadas ate que, cara a fin da xornada, Fegaclasic foise valeirando. Ás 21,00 h aínda con moita xente curioseando ou fechando vendas de última hora, comezou o derradeiro acto de FEGACLASIC 2011, a súa clausura.
Desde a directiva da Asociación Cultural Mirándolle os Dentes, valoramos moi positivamente como transcurriu a Feira e estamos moi contentos polo enorme éxito da convocatoria. Rematou FEGACLASIC 2011 e o traballo para organizar a VIª edición deberá comezar nos próximos días. |